O galardón, creado pola Deputación de A Coruña, foi concedido na modalidade de traxectoria, cadrando co noso 30º aniversario
A Asociación Agalure recibiu, o pasado venres 3 de maio, un recoñecemento á traxectoria polos 30 anos de esforzos dedicados exclusivamente ás adiccións sen substancia, sendo a única entidade na provincia dedicada a esta problemática social.
Agalure foi creada na Coruña no ano 1994 e, e ao longo destas tres décadas de historia, axudou a máis de 3.000 persoas a superar as súa adicción ao xogo ou outras adiccións sen substancia. Na actualidade somos unha asociación de carácter sociosanitario declarada de utilidade pública.
O galardón foi recollido polo presidente da Asociación, Francisco Gil, durante a gala da III edición dos Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais, celebrada no Palexco (A Coruña). Onde se congregou a preto de 500 representantes do tecido social da provincia, alcaldes e concelleiros de servizos sociais dos municipios.
Os premios de Boas Prácticas en Servicios Sociais distinguen a catro entidades sociais da provincia cada ano
As outras asociacións recoñecidas nesta III edición polo seu traballo “en defensa dos dereitos da cidadanía e a favor dos grupos máis vulnerables”, foron:
- Fundación Érguete, polo seu proxecto “Entre patios”, unha actividade colaborativa entre o Centro Penitenciario de Teixeiro, centros educativos da provincia e Ciclos de FP. O proxecto consiste no deseño e elaboración de mobiliario entre presos e presas do cárcere e alumnado do Ciclo de FP, con visitas colaborativas entre o alumnado e os presos e presas. Posteriormente, ese mobiliario instalouse nos patios dalgúns centros educativos da cidade da Coruña, de maneira que tamén serve de sensibilización para o alumnado de Educación Infantil e Primaria.
- Fundación Mujeres, pola súa iniciativa de “Apoio Integral a Mulleres Coidadoras no campo Rural” proxecto co que cubre necesidades apenas cubertas por recursos públicos ou privados, dando unha atención de calidade ás mulleres coidadoras de familiares xa que están nunha situación de especial vulnerabilidade, froito das propias características e consecuencias que teñen os coidados. Dende 2013, este programa levouse a cabo en 28 municipios da provincia.
- A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaco) polo proxecto “EnREDando” cuxo obxectivo xeral é desenvolver e implementar unha plataforma de estimulación neuropsicolóxica grupal e individual a través de pizarras dixitais, xestionada pola equipa multidisciplinar da asociación co obxectivo de proporcionar un tratamento de calidade adaptado ás necesidades das persoas con demencia e a súa valoración individual que se realiza mediante diferentes probas e tests; aumentando a estimulación cognitiva dunha forma innovadora.
Ademais do premio físico, que consiste nunha escultura de barro realizada polo obradoiro Kerámicos de APEM, cada unha destas entidades recibiremos un premio en metálico de 10.000 euros para impulsar o desenvolvemento dos nosos proxectos no ámbito social.
Dende aquí queremos enviar os nosos parabéns e agradecementos a todas as asociacións que dedican o seu tempo a mellorar as vidas de toda a nosa sociedade, así como á Deputación da Coruña por todo o seu apoio.