A adicción ó traballo é tamén denominada “Workaholism”, un termo composto baseándose na definición de alcoholismo xunto coa palabra inglesa work (traballo).
A primeira definición de adicción ó traballo aparece xa en 1971. Na lectura internacional actual, é definida como “un trastorno obsesivo-compulsivo que se manifesta mediante esixencias autoimpostas, incapacidade para regular os propios hábitos de traballo e unha excesiva indulxencia no traballo, que pode chegar á exclusión de outras principais actividades da vida.” Ser “workaholic” (adicto) é algo moi común na nosa sociedade e, desafortunadamente, estase convertendo nun dos males do século. O principal problema desta adicción é que socialmente nin sequera se considera como tal. É unha adicción “ben vestida”.
“O principal problema da adicción ó traballo é que nin sequera se considera unha adicción. A maioría das veces a xente di ‘son workaholic’ cun sorriso na cara. É máis, no sistema actual, valórase positivamente que, ademais de ter un traballo remunerado nunha empresa, teñas proxectos profesionais nos que investir o teu tempo libre. Por iso a adicción ó traballo non se define a si mesma como tal. A sociedade non a ve como un problema co que tapamos outros problemas, senón todo o contrario: vincúlao á idea de éxito” Jara Pérez, psicóloga especializada.
A dedicación intensa ó traballo considerouse durante moitos anos como unha conducta adecuada e socialmente valorada, que denota un sentido elevado de responsabilidade e que responde ós valores dunha sociedade onde se priman o éxito e a posesión dun determinado status. De feito, incluso foi categorizada como unha adicción positiva, é dicir, unha conducta repetitiva que proporciona benestar económico e integración social a unha persoa. A sociedade de consumo potencia o sacrificio do tempo libre en favor dun traballo adicional para gañar máis e poder así aumentar o consumo. Esta tendencia ilimitada a elevar o nivel material de vida sacrifica a maior parte do tempo libre.
A característica específica desta adicción con respecto ás outras adiccións comportamentais é a de non obter a gratificación directa e inmediata; neste caso, trátase dunha actividade que esixe a aportación dun esforzo. Os principais elementos de pracer para o adicto ó traballo son o éxito e o poder adquiridos a través do desenvolvemento profesional.
As principais características desta adicción son:
- Implicación elevada na actividade laboral
- Impulso a traballar debido a presións internas
- Pouca capacidade para desfrutar da tarefa realizada
- Procura do poder ou prestixio. O que está en xogo no adicto é a propia autoestima e o recoñecemento social. Non é infrecuente que baixo a adicción ó traballo se escondan sentimentos de inferioridade e de medo ó fracaso.
Non toda dedicación intensa ó traballo revela existencia dunha adicción. O que distingue a un adicto é a súa actitude cara a tarefa, máis que o número de horas dedicadas. Quen sufre de adicción é unha persoa que perdeu o control da súa actividade laboral, non logra impoñerse regras, non acepta os seus límites e sinte necesidade de facer cada vez máis sen reparar nas consecuencias negativas. O traballo convértese progresivamente na única fonte de identidade, o que provoca unha interferencia negativa na vida cotiá. Todo isto vén frecuentemente acompañado por ideas sobrevaloradas acerca do diñeiro, do éxito e do poder.
Nos adictos, o traballo interfire negativamente na saúde física, na felicidade persoal ou nas relacións familiares e sociais. As consecuencias negativas son de varios tipos:
- Relacións familiares deterioradas
- Illamento social
- Perda do sentido de humor
- Desinterese polas relacións interpersoais “non produtivas”
- Perda de satisfacción coas actividades cotiás anteriormente pracenteiras
- Relacións sexuais programadas e non espontáneas
- Debilitamento da saúde
- Alteracións cardiovasculares relacionadas co estrés
Para os adictos, as vacacións constitúen un auténtico calvario porque o goce do tempo libre vívese coma unha perda de tempo. Hai unha calidade de vida deficitaria, normalmente cun consumo abusivo de alcol, tabaco e estimulantes, un tempo libre demasiado reducido e un ritmo de sono sometido a grandes variacións.
O adicto ó traballo continúa sentíndose inseguro e inadecuado, buscando seguridade no logro profesional e no éxito. Pero non logra ser tan brillante como se presumiría en base ós seus esforzos. Son algunhas características da súa personalidade as que invalidan e comprometen o bo resultado no seu traballo:
- Non logra traballar en equipo, pensa que ningún compañeiro pode desempeñar unha tarefa tan ben coma el
- Non é eficiente. Por ser tan perfeccionista e obsesivo cos detalles, emprega o dobre de tempo para levar a cabo unha tarefa
- É arrogante, atormentado por unha profunda inseguridade, convéncese de ser o mellor e non escoita consellos de compañeiros
- Non ten capacidade de delegar noutros: fatígase demasiado, perdendo concentración e por tanto cometendo erros.
O adicto, atenazado por unha serie de crenzas irracionais (medo a non valer bastante, temor a non dispor de tempo suficiente para conseguir o benestar material) pode estar implicado nunha batalla sen fin polo éxito que, unha vez alcanzado, non vai seguido dunha sensación duradeira de recompensa ou de alivio real da tensión. En liñas xerais, o adicto busca aliviar sentimentos de ansiedade, baleiro e baixa autoestima dedicándose completamente ó traballo; trata de “facer moito” para sentir que “vale moito”.
As persoas inseguras, moi ambiciosas e con relacións afectivas e sociais pobres, constitúen un factor de risco para esta adicción.
Os adictos ó traballo son moi reacios a considerarse enfermos e a ser tratados adecuadamente. O que lles leva a poñerse en tratamento é o risco de enfermar (como alteracións cardiovasculares), os problemas familiares (derivados da deixadez de funcións) e as complicacións no traballo (como problemas á hora de delegar funcións ou excesiva esixencia ós subordinados).
Un test de adicción ó traballo podería ser o seguinte. Se unha persoa se identifica con catro ou máis destas afirmacións, é posible que estea rondando unha adicción ó traballo.
- Síntome coma se constantemente tivese presa e fose a contra reloxo
- Irrítome cando alguén me interrompe no transcurso dunha tarefa
- Sempre estou ocupado e con moitos asuntos entre mans
- Comprométome con máis actividades das que podo facer
- Síntome culpable cando non estou traballando nalgo
- Permanezo frecuentemente no traballo unha vez que os meus compañeiros xa marcharon
- Enfádome cando a xente non responde ó meu modelo de perfección
- Tiro a estar baixo presión poñéndome eu mesmo datas límite para rematar tarefas
- Resúltame difícil relaxarme cando non estou traballando
- Paso máis tempo traballando que noutro tipo de actividades (amigos, ocio, etc)
- Esfórzome por ser o primeiro en todos os proxectos nos que me meto
- Dedico máis tempo, enerxía e pensamentos ó meu traballo que ás relacións con amigos e persoas queridas
En Agalure ofrecemos axuda mediante atención psicoterapeútica e asesoramento xurídico. Non dubidedes en contactarnos, atenderavos o noso equipo de profesionais especializados debidamente cualificados para levar a cabo o diagnóstico e terapia apropiada.
📞 981 289 340
📩 agalure@agalure.com
Fontes: