Neste momento estás a ver Adicción ós videoxogos

Adicción ós videoxogos

Este luns 29 de agosto celebrouse o Día Mundial do Videoxogo, unha celebración que naceu en 2008 por parte das principais revistas do mercado especializadas no sector: PlayManía, PC Manía e Hobby Consolas. Consideraron que o crecente número de xogadores de videoxogos necesitaban ter un día adicado a eles no calendario.

Segundo o informe de DFC Intelligence, máis de 3 mil millóns de persoas en todo o mundo xogan videoxogos no seu tempo libre, case o 40% da poboación mundial. Estas cifras están en constante crecemento xa que, dende fai bastantes anos, esta industria vai moito máis alá do entretemento; non só se utilizan para divertir, senón tamén como métodos de aprendizaxe ou como unha maneira moi útil e inmersiva de tratar temas importantes ou narrar historias. Economicamente, o sector do videoxogo en España logrou facturar 1.795 millóns de euros en 2021, cunha base de máis de 18 millóns de usuarios. Por cada euro que se inverte na industria, xera 3 de beneficio.

Sen embargo, non todo é positivo: durante a pandemia, medrou a adicción aos videoxogos. Precisamente foi neste 2022 o ano no que a OMS (Organización Mundial da Saúde) declarou oficialmente a Adicción aos videoxogos como unha enfermidade que se pode recoñecer, diagnosticar e tratar.

Os videoxogos están desenvolvidos para que o usuario se enganche, producindo unha serie de estímulos xogando coas luces, sons ou contidos: a pantalla produce recompensas inmediatas, o cerebro canaliza e xera unha serie de descargas de dopamina, xa simplemente realizando a anticipación de que se vai desenvolver esta actividade pracenteira.

O adicto a videoxogos é un patrón moi parecido ao ludópata. As pautas e comportamentos son moi similares, ao igual que parte do protocolo que seguimos en Agalure para o seu tratamento.

Como diagnosticar adicción ó videoxogo

Esta adicción non se define polo número de horas invertidas ó día, senón polas consecuencias e repercusión que ten nas diferentes áreas de funcionamento da persoa. Tres características fundamentais para poder establecer un diagnóstico son:

  • Abandono gradual de outras actividades (culturais, sociais, etc) para poder xogar
  • Dificultade para terminar o xogo, gastando moito máis tempo do que se establecera inicialmente
  • Non poder deixar de xogar

Perfil do xogador de videoxogos

O perfil de xogador que está chegando a Agalure para diagnóstico e tratamento é un perfil universitario, como consecuencia da pandemia. Utilizaban os videoxogos para ocupar o seu tempo libre, foron deixando de cumprir as súas obrigas como consecuencia, chegou o fracaso escolar e, á hora de querer retomalo, encontráronse incapaces porque predomina a actividade do xogo.

Diferentes estudos afirman que case o 100% dos nenos de 14 anos xogan a videoxogos. Aínda que non todos son adictos, é preciso valorar que en todo momento hai poboación de risco exposta a desenvolver adicción. Os perfís de risco normalmente responden a persoas introvertidas, con dificultades para a comunicación social, ASPERGER ou calquera tipo de trastorno, que podería potenciarse.

Prevención dende as familias

Unha problemática asociada moi importante é a falta de información que teñen os pais. Son moitos os que se desentenden disto, aferrándose á falsa crenza que mentres os nenos están entretidos coa tecnoloxía, eles poden desenvolver outro tipo de actividades. Traballar máis coas familias é un dos factores prioritarios para que os nenos non xeren este tipo de adiccións. Todo uso da tecnoloxía (consola, móbil, ordenador, tablets, smart TV) debe estar regulado polas familias, sobre todo cos accesos a internet.

Os adultos tamén son consumidores de videoxogos: o perfil de xogador que máis gasta na industria son homes de entre 35 e 50 anos.

 

Compartimos con vós a participación do noso psicólogo José Manuel Recouso no programa Bos días, da Crtvg Galicia, con motivo do Día Internacional do Videoxogo.

En Agalure ofrecemos axuda mediante atención psicoterapeútica e asesoramento xurídico. Non dubidedes en contactarnos, atenderavos o noso equipo de profesionais especializados debidamente cualificados para levar a cabo o diagnóstico e terapia apropiada.

📞 981 289 340
📩 agalure@agalure.com