Neste momento estás a ver Como é posible saír da ludopatía?

Como é posible saír da ludopatía?

Autor: Alexandre Centeno | Medio: La Voz de Galicia

agalure
Foto: Vítor Mejuto

Esta lacra que ameaza á mocidade na sociedade galega ten cura

Son negocios legais, sempre e cando se instalen a máis de 150 metros lineais de centros escolares. Pero as casas de apostas deportivas convertéronse nun xerme de adicción que preocupa á sociedade.

Que é a ludopatía?

A RAE define o termo como unha adicción patolóxica aos xogos electrónicos ou de azar.

Que tipos de xogo hai nos que se aposta diñeiro?

Primeiro habería que facer unha distinción entre presenciais e en liña. Pero a todos os presenciais se pode xogar tamén a través de internet. En canto aos tipos, aparte dos que hai nos casinos (ruleta e cartas), está o bingo, as diferentes loterías nacionais públicas e privadas, máquinas de apostas deportivas e máquinas tragamoedas (“tragaperras”). Destas hai de varios modelos, dependendo do tipo de aposta e premio máximo permitido.

A onde acudir se se detecta esta adicción?

Ou ao pediatra ou ao médico de familia para que derive á unidade de saúde mental ou a unha das asociacións que hai en Galicia para tratar estes problemas. As principais son Agalure, na Coruña, e Agaja, en Vigo. Alí fanlles test e entrevistas para determinar se hai unha adicción ou un perigo de habela e, segundo iso, trabállana.

Canto tempo leva a rehabilitación?

Cada persoa é un mundo e, coma no caso doutras adiccións, nunca se está ao cen por cen curado, pero os expertos falan de entre nove e doce meses.

Cantas consultas de familiares acostuman darse nestes centros?

Nas dúas principais hai unha media de cen consultas mensuais sobre menores: «Non significa que todos sexan casos confirmados. Moitos teñen outras adiccións, por iso lles facemos un test completo e mantemos entrevistas», explica José Manuel Recouso, director terapéutico de Agalure. Pero a realidade é que as chamadas se realizan porque hai xogo polo medio.

Como actúan os pais ante esta problemática?

O 23 de xaneiro do 2021, a xornalista Noelia Silvosa titulaba nunha entrevista a Juan Lamas (director terapéutico de Agaja) publicada no suplemento YES de La Voz cun dato preocupante: «Moitos mozos en Galicia fan apostas deportivas e os seus pais consénteno». Un ano e medio despois, o responsable da asociación con sede en Vigo reafírmase: «O problema é que pouco cambiou. Moitos pais seguen sen ver un problema que o rapaz aposte un ou dous euros a un partido. E aí empeza todo».

Onde está na actualidade o maior perigo de adicción?

Segundo recolle o estudo de xogo realizado en Galicia polo profesor Antonio Rial, sete de cada dez menores que xogan con cartos fano en máquinas de apostas deportivas, tres selan quinielas e outros tres compran lotería e entretéñense cos coñecidos rascas. E, sen lugar a dúbidas, case tres cuartos dos mozos xogadores fano nos bares e cafeterías, onde menos control hai.

Que medidas se poden seguir para saír adiante?

A primeira é falalo con alguén e acudir acompañado a un profesional, que irá dando pautas de conduta. O que quere saír do xogo non pode volver xogar na vida. José Manuel Recouso, director terapéutico de Agalure insiste, ademais, como unha das medidas máis importantes, empezar a darlle valor ao diñeiro: «Hai que comezar a manexalo o indispensable. Non podes saír á rúa con máis do que tes intención de gastar de forma xustificada, porque se che sobra, podes acabar xogándoo. Ademais, fóra as tarxetas»

Que pasa cos xogadores autodenunciados?

Nos bares nada, porque os hostaleiros non teñen un rexistro. Nos locais especializados, deben pedirlles o DNI e prohibirlles entrar no establecemento.