Lugo conta, dende este luns 10 de abril, co primeiro centro asistencial privado para atender a persoas adictas ós xogos de azar (ludopatías) e ás adiccións sen substancia en xeral. As adiccións sen substancia están relacionadas co xogo de azar, loterías, traga moedas, bingos, lotería instantánea, compras compulsivas, videoxogos e, máis recentemente, coa explosión de Internet e os dispositivos dixitais, os xogos online.
O centro de AGALURE está situado na rúa Ronda do Carme, nº 11 baixo, e xa ten un teléfono operativo para atender ás demandas das familias lucenses que detectaran no seu entorno conductas problemáticas de familiares e amigos. Ese teléfono é o 982 991 670. Ademais, os afectados tamén poden comunicarse por correo electrónico a través da dirección agalure@agalure.org.
A Consellería de Sanidade participou na financiación da sede gracias ó programa “Ti podes” que puxo en marcha a Xunta de Galicia. A financiación pública destínase neste caso a fins de carácter sociosanitario e, concretamente, ó ámbito dos trastornos mentais.
Á inauguración acudiron entre outras autoridades o Director Xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; a Xefa Territorial de Sanidade da Xunta de Galicia, Begoña Seco; a deputada da Deputación de Lugo da área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González; e o concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto.
Neste acto, o presidente de FEJAR, Máximo Enrique Gutiérrez comentou ós presentes que “a asociación AGALURE, integrada en FEJAR (institución que conta co maior número de entidades de España na loita contra os problemas causados polo xogo), cubre unha vez máis as carencias do tratamento das adiccións comportamentais, unha axuda que se demanda na provincia de Lugo”.
O presidente da asociación, Francisco Gil, engadiu que “con este novo local asistencial, AGALURE cumpre o seu compromiso coa provincia de Lugo ó dotar á cidade e á provincia de novos recursos asistenciais e preventivos xa que detectamos esta necesidade dende a nosa sede. Con este apoio, axudamos a paliar os trastornos económicos que soportan as familias. En primeiro lugar porque evitamos as viaxes dos afectados ata a nosa sede central onde se reciben os tratamentos que se dan e que son necesarios para lograr a rehabilitación destas persoas. En segundo lugar, porque estas persoas senten que esta atención ó seu problema é moito máis próxima, continua, puntual e personalizada”.
A sede de AGALURE en Lugo ten 70 metros cadrados nos que se construíron dúas salas de atención terapéutica, unha sala de servizos múltiples e unha pequena sala de espera para as familias. Nestas instalacións, dende hoxe, traballarán profesionais altamente cualificados, especialistas no tratamento destas adiccións comportamentais e contarán coa axuda de voluntariado, é dicir, de persoas que xa superaron a súa adicción co xogo.
Dende a asociación lembramos que os problemas derivados dun comportamento inadecuado co xogo causa graves problemas económicos á persoa, que arrastran outros de maior impacto no entorno familiar e no círculo sociolaboral da persoa. Previr, sobre todo a idades temperás, é o primeiro arsenal a ter en conta para evitar que un desarreglo conductual se convirta nun problema patolóxico. Se a prevención non serviu de barreira eficaz, detectar o antes posible a problemática e poñela inmediatamente en mans de profesionais con experiencia é a única forma de reducir o dano e as enormes cargas e consecuencias socio económicas proporcionadas polas adiccións sen substancia.
AGALURE é unha entidade de utilidade pública que dedica a súa labor á prevención e ó tratamento dos problemas causados pola ludopatía e o gasto sen control, afectando a persoas de calquera tipo de condición e xénero. A idade á que empezan a tratarse algunhas destas persoas baixou considerablemente, xa que o xogo afecta, cada vez máis, a persoas moito máis xóvenes debido á facilidade de acceso e, en ocasións, ó escaso control da clientela.