Neste momento estás a ver Plan de prevención nas escolas deportivas do Bergantiños FC

Plan de prevención nas escolas deportivas do Bergantiños FC

A asociación Agalure impartirá ás categorías base do Bergantiños FC, un plan de prevención dirixido a todos os xogadores e xogadoras que forman parte das súas categorías inferiores, as Escolas Luís Calvo Sanz.

Baixo o título “Prevención das adiccións sen substancia no ámbito xuvenil e o deporte”, o obxectivo destas xornadas é que os seus futbolistas en formación poidan ser conscientes dos riscos que existen arredor desta problemática social, cada vez máis en auxe entre a xuventude.

As charlas correrán a cargo dos profesionais especialistas de Agalure, asociación dende a que nos gustaría agradecer á dirección do Bergantiños FC que tivesen en conta un tema tan importante na actualidade como o son as conductas aditivas, un considerable problema na adolescencia que debe previrse e tratarse. O Bergantiños FC é o segundo club de fútbol que conta con Agalure para concienciar ós seus deportistas sobre esta problemática, un mes despois de que o RC Deportivo da Coruña fixese o mesmo coas súas escolas.

Agalure, ademais de levar a prevención a centros educativos e formativos, somos unha entidade de utilidade pública que ofrece atención psicoterapeútica e xurídica, xunto cos apoios necesarios para a rehabilitación e inclusión social dos afectados por ludopatía e ou outras adiccións comportamentais.

A nosa sede asistencial, aberta de luns a venres entre as 16:00 e as 21:00, está ubicada na Rúa Pasteur 30, fronte ó centro de especialidades do Ventorrillo. Tamén estamos operativos no teléfono 981 289 340 ou a través de correo electrónico agalure@agalure.com.