Neste momento estás a ver Presentación da 2ª edición de #ApostaPolaParteBoaDoDeporte

Presentación da 2ª edición de #ApostaPolaParteBoaDoDeporte

Onte presentouse a segunda edición de #ApostaPolaParteBoaDoDeporte, a campaña na que colaboramos co Concello da Coruña a través da área de Benestar Social. O obxectivo non é outro que sensibilizar fronte á adicción ao xogo entre os máis novos e facer fronte á ludopatia dende idades temperás.

Para chegar ao público máis novo da cidade, os protagonistas son seis mozas e mozos baloncestistas da Coruña. Gravouse ademais na praza de San Pablo, un dos lugares máis populares entre a mocidade que practica este deporte na cidade, e responde aos formatos de vídeo máis usados polas novas xeracións na actualidade, como son as stories de Instagram e os vídeos de TikTok.

Na presentación da campaña participaron Francisco Gil, presidente de Agalure, e a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira.

A propia Yoya Neira subliñou o compromiso do Concello coa loita contra a adicción ao xogo entre a mocidade. “O xogo é unha actividade de risco que pode ocasionar graves danos no desenvolvemento persoal e social dos máis novos, e está directamente relacionado con estados de ánimo depresivos, inestabilidade emocional, ansiedade e agresividade”.